
Debo comezar sinalando que dende hai moitos anos Noam Chomsky é un dos meus referentes ideolóxicos e políticos -como para millóns de cidadáns no mundo-. Como teórico e como activista foi e segue a ser un dos máis respectados a nivel mundial. Pola mesma razón, e polo seu inequívoco compromiso coa liberade, a democracia, a igualdade e a paz estivo sempre no punto de mira das elites reaccionarias e fascistas que, ben directamente, ben ao través dos seus aliados (medios de información e opinión, poderes fácticos..) non perderon ocasión para atacalo e desprestixialo. Agora estamos nun deses momentos cando Noam Chomsky, que vai cumprir 98 anos e non pode defenderse por si mesmo por mor do seu extremadamente delicado estado de saúde -sufriu un derrame cerebral en xuño 2023 que lle impide falar ou participar en calquera discurso público- volve estar na diana da crítica e o desprestixio, desta volta polas súas amizades perigosas.
Jeffrey Epstein e as amizades de Noam Chomsky
Cal é agora o pecado que cometeu Noam Chomsky? Pois resulta que os chamados papeis de Epstein puxeron ao descuberto unha relación de amizade e de negocios entre Noam Chomsky e Jeffrey Epstein, este último acusado e condenado por múltiples delitos, entre eles tráfico de menores, tráfico sexual, prostitución infantil, estupro e abuso sexual infantil. Descubrimento que está dando lugar a distintas reaccións dende diferentes posicións políticas e ideolóxicas e que van dende un extremo ao outro. Algo natural dadas as grandes diferencias entre ambos personaxes e o distinto papel xogado en todos estes anos no escenario mundial.
Quen foi Jeffrey Epstein? Un home ligado á pedofila e á depravación sexual, ao militarismo e ao autoritarismo global que mantivo fortes amizades con moitos membros da elite estadounidense e mundial (Donald Trump, Bill Clinton, Elon Musk, Bill Gates, Larry Summers, Steve Bannon e Ehud Barak entre outros) a quen, supostamente, fornecia de nenos/as e mulleres captadas e escravizadas para satisfacer o apetito sexual desas elites. Amizades que lle permitiron tapar os seus turbios negocios. Pero en contra do que sinalan algunhas fontes, Jeffrey Epstein era sobre todo “un oligarca estadounidense que desempeñou un papel fundamental na configuración da política occidental, o que lle permitiu establecer contactos con diplomáticos e axencias de espionaxe. Un oligarca con amizades moi poderosas (políticos, empresarios, intelectuais) que lle facilitaban os seus turbios negocios. Era un dos axentes xeopolíticos máis prominentes do mundo, razón pola cal involucrou a tantas persoas poderosas nas súas falcatruadas. As andanzas sexuais que involucraban trata de persoas non foron o principal motivo que uniu aos seus amigos pedófilos. Foron os cartos e o xogo de poder. Jeffrey Epstein, como intermediario entre a intelixencia israelí e oligarcas e cleptócratas estranxeiros, tamén foi un subproduto da estrutura de dominación estadounidense, é dicir, da orde económica neoliberal tamén coñecida como a “era da globalización neoliberal” (VAN JACKSON, académico da Universidade Vitoria en Wellington). Jeffrey Epstein “cría no consenso de Washington, a hexemonía militar estadounidense reforzada en Oriente Medio pola alianza con Israel, a globalización, a privatización das funcións gobernamentais, o ensino centrado nas ciencias, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (CTIM) e o hedonismo sexual masculino, un ethos que levou a extremos repulsivos” (Jeet Heer, autor, critico literario e periodista canadense).
Segundo Chomsky, “o que se sabía de Jeffrey Epstein é que fora condenado por un delito e cumprira a pena. De acordo coa normativa legal vixente nos Estados Unidos, con isto queda limpo de po e palla”.
Pero cal foi a relación de Noam Chomsky con Jeffrey Epstein? Segundo o propio Chomsky foi “unha relación de amizade que durou seis anos, unha experiencia interesante e proveitosa grazas á amplitude de miras e a capacidade intelectual de Jeffrey Epstein que foi quen de organizar repetidamente, ás veces sobre a marcha, xuntanzas moi produtivas con figuras destacadas da ciencia e as matemáticas, así como da política mundial, persoas cuxa actividade eu coñecía, aínda que nunca esperaría coñecelas persoalmente… coñecín a toda caste de persoas, incluso a verdadeiros criminais de guerra. Non lamento terme xuntado con eles… (Kavita Krisnan, activista feminista e escritora).
Noam Chomsky unha icona das esquerdas
Que Noam Chomsky se xuntara, e incluso que tivera amistade con Jeffrey Epstein, significa que foi coparticipe das súas denigrantes falcatruadas? “Teño que subliñar que coñecer a Epstein, ou xuntarse con el non implica de ningunha das maneiras que Chomsky fora coparticipe dos seus delitos contra nenos e mulleres” (Kavita Krisnan). Cal foi entón a falta, o pecado de Chomsky? Á altura do 2005, Epstein estaba sendo investigado polas autoridades federais por pedófila. No 2008 sería imputado por 60 delitos federais, suficientes para recibir unha condena a cadea perpetua da que, grazas as súas influencias, non so se librou senón que so recibiu o castigo de 13 meses de cadea en réxime aberto. Segundo Chomsky, “o que se sabía de Jeffrey Epstein é que fora condenado por un delito e cumprira a pena. De acordo coa normativa legal vixente nos Estados Unidos, con isto queda limpo de po e palla”.
Unhas explicacións que aos seus críticos non lles convencen. “Chomsky é unha icona das esquerdas cuxos escritos ilustraron a xeracións enteiras. Sobre a natureza do poder, a impunidade da xente poderosa e a propaganda que fabrica o consenso con esta desigualdade, violencia e impunidade sistémicas. Se uns nenos da clase obreira se queixaran de ter sido recrutados por un empresario millonario para obrigarlles a facer un traballo insalubre e perigoso e o empresario lograra irse de rosiñas, diría Chomsky que agora estaba limpo de po e palla? A pesar diso, as normas parecen mudar se os nenos da clase obreira en cuestión son nenas, captadas e escravizadas para prostituírse e non para traballar nunha fábrica. No mundo político de Chomsky, estas vítimas individuais do desprezo sexual son invisibles (Kavita Krisnan).
Chomsky non é unha excepción vergoñenta dentro do mundo crítico, senón un exemplo dolorosamente humano do que ocorre cando incluso quen dedicou a súa vida a denunciar os abusos do poder subestima a súa proximidade cotiá.
Intelectuais tan pouco sospeitosos de animadversión como Vijay Prashad, historiador, amigo e colaborador de Chomsky e que de neno sufriu violencia sexual, son tamén moi críticos. “Dado que Noam non pode falar nin escribir para explicar a súa relación con Epstein, o asunto é delicado. Non hai nada que dicir na súa defensa. Cando apareceron as fotos e os correos electrónicos, repugnoume inmediatamente a pedofilia de Epstein e, xa que logo, a amizade de Noam para con el… Na miña opinión, non hai defensa para isto, ningún contexto que poida explicar esa atrocidade. Que Noam tivera unha relación tan estreita cun ultrafascista sionista e probable axente israelí é un grave erro de xuízo por parte de alguén que acostuma tomar decisións tan meditadas e razoadas. Epstein era un home de extrema dereita e sionista, un acumulador de homes poderosos e influentes que queren converter o mundo no seu paraíso e o noso inferno…. Porqué relacionarse tan libremente cunha persoa desta índole? Por que consolar e aconsellar a un pedófilo polos seus crimes?”.
O erro de Noam Chomsky
Outras voces non comparten estas opinións, pero tampouco aproban a conduta do intelectual estadounidense. “Chomsky non é Epstein. Non hai evidencia de que exercera violencia sexual nin de que participara en abusos. Confundir ambos planos sería intelectualmente deshonesto. A pesar diso, a súa relación con Epstein ilustra con claridade outro aspecto do patrón: a suspensión do xuízo ético por prestixio, capital simbólico e normalización do entorno. Chomsky representa ao suxeito que non cruza o límite do dano directo, pero que tampouco actúa como límite fronte a un sistema evidentemente corrupto. O seu erro non é criminal, senón estrutural e moral. Consiste en aceptar a proximidade, a interlocución e a banalización dun personaxes cuxo poder só era posible grazas a explotación sistemática de corpos vulnerables. Chomsky non é unha excepción vergoñenta dentro do mundo crítico, senón un exemplo dolorosamente humano do que ocorre cando incluso quen dedicou a súa vida a denunciar os abusos do poder subestima a súa proximidade cotiá. Non se trata de perversión, senón dun xeito de banalidade: a confianza excesiva na propia rectitude, a idea que de eu non son ese tipo de persoa, a delegación implícita do problema en outros… Que diría Hanna Arendt de todo isto? Arendt non vería en Chomsky un psicópata ou un perverso. Vería un intelectual excepcional que, nun punto concreto, subestimou a esixencia do xuízo fronte a un entorno corrupto. Non por desexo de danar. Non por cinismo. Por algo máis humano e máis perigoso: a convicción de que a súa integridade intelectual abondaba como garantía moral. Para Arendt, ese é un erro grave, pero non infamante. E un erro típico das elites intelectuais que confunden lucidez crítica con inmunidade ética” (Claudia Aranda, periodista chilena).
A calumnia sempre é unha opción
Sen negar as responsabilidades de Noam Chomsky pola súa amizade cun personaxe da catadura de Jeffrey Epstein, quero recoller uns atinados comentarios de alguén que traballou con aquel. “Se por unha banda considero a súa amizade ou relación con Jeffrey Epstein unha dorosa falla de xuízo, pola outra paréceme brutalmente inxusta a livianidade de moitas acusacións e ataques de amnesia de que foi obxecto a causa dos correos electrónicos e as fotos con Epstein e con Ehud Barak nun salón de clase que os medios reproduciron durante o ano 2025. Eses mesmos que, por pudor e obediencia, nunca usaron a palabra xenocidio para referirse a Gaza ou ao imperialismo polo acoso descarado a Venezuela” (Jorge Majfud, profesor en Jaksonville University).
Na súa defensa Chomsky declararía no seu día que “calquera contacto entre nós foi totalmente público, algo polo que os propios medios nunca se interesaron, agás agora; nunca se interesaron porque, daquela, non había nada que ocultar; até as revelacións de 2019 el tiña unha política pública con moitos científicos de Cambridge” (Jorge Majfud).
Por outra parte Chomsky, a pesar da súa enorme contribución intelectual e política á denuncia dos abusos do poder que o converteron, con todo merecemento, nunha icona das esquerdas, parece que non puido fuxir dalgúns vellos problemas das mesmas. “Agora, non poucos dende a esquerda practican o clásico sacrificio no altar do ídolo, o desexado apuñalamento do pai, en termos psicoanalíticos. De paso, materializar o obxectivo da CIA e do Mossad de desacreditar todo o seu traballo e loita anterior e, sobre todo, de (tentar) desmoralizar a moitos dos que resisten na mesma trincheira de loita contra o imperialismo, as sectas e as axencias secretas que seguen gobernando o mundo” (Jorge Majfud). Porque agora non poucos dende a esquerda parecen esquecer que “cando moitos de nós aínda non tiñamos nacido, Chomsky foi arrestado fronte ao Pentágono polas súas clases abertas contra a guerra de Vietnam e enfrontábase nos medios e nos atrís contra os imperialistas e sionistas supremacistas nos tempos m´ñais difíciles, como ningún dos seus agora enterradores da esquerda o fixo nunca” (Jorge Majfud). Como dicía o propio Noam Chomsky “cando non poden responder a alguén que odian, a calumnia sempre é unha opción”.
Concordo con este xuízo e engado que “o xeito en que medios” -e intelectuais- “estreitamente vinculados á figura de Noam Chomsky se sumaron a esta campaña” -desvinculación a súa figura da de Chomsky para a continuación sumarse á campaña de denigración en curso- “foi decepcionante”. Como se pode chegar a afirmar, sen probas, que “Chomsky sabía dos abusos a menores por parte de Jeffrey Epstein e lle importaban un pito? Pola miña parte penso que “Chomsky cometeu un grave erro de xuízo. A pesar diso, ese erro non o fai cómplice dunha nauseabunda rede criminal nin, no plano máis xeral, do ampliación das engrenaxes do poder patriarcal que criticou sempre coa súa habitual contundencia e penetración. Cremos que o intento de defenestrar a Chomsky e convertelo nun vilán é froito tamén dun erro de xuízo, neste caso derivado da lóxica binaria da comunicación dixital” (Asier Aruas e Juan Pedro Carañana, Universidade Complutense de Madrid).
Deixo para o final a propia defensa a través da súa muller Valéria Chomsky: “Como é amplamente coñecido, unha das características de Noam é crer na boa fe das persoas. A natureza excesivamente confiada de Noam, neste caso especifico, levouno a un grave erro de xuízo… Só despois do segundo arresto de Epstein en xullo de 2019 coñecimos o alcance real e a gravidade do que entón eran acusacións -agora confirmadas- de crímes atroces contra mulleres e nenos. Fomos descoidados ao non investigar a fondo os seus antecedentes. Este foi un erro grave, e por ese fallo de xuízo, pido desculpas en nome de ambos… Foi profundamente perturbador para nós darnos conta de que nos relacionamos con alguén que se presentaba como un amigo servizal pero que levaba unha vida oculta de actos criminais, inhumanos e pervertidos… Dende a revelación do alcance dos seus crimes, estamos conmocionados”
2026

Debe estar conectado para enviar un comentario.